Monday 13 de May de 2024

A EGAP e o Club Financeiro de Santiago colaborarán na realización conxunta de actividade formativas e divulgativas


En 2015, a Escola Galega de Administración Pública asinou 50 convenios con outras entidades grazas aos cales se programaron 48 actividades formativas

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira, asinaron en Santiago un convenio que lles permitirá establecer fórmulas de colaboración no ámbito formativo, divulgador e investigador.

Deste xeito, a EGAP cumpre a máxima de actuar de xeito máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos e organizacionais dos que dispón a Administración, para un mellor cumprimento dos fins de ambas as partes, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

No documento asinado esta mañá establécense as modalidades de colaboración previstas, que poderán consistir na programación de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación; na edición conxunta de libros, documentos de traballo e outras publicacións e na promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación.

Ademais, este convenio recolle, para o bo desenvolvemento das actividades, o establecemento dunha comisión mixta, de composición paritaria, integrada por representantes de cada unha das institucións ás cales corresponderá a concreción, seguimento, interpretación e avaliación das accións que se leven a cabo.

A formación a través de convenio
A EGAP asinou durante 2015 un total de 50 convenios de colaboración con outras entidades, os cales deron lugar á realización dun total de 29 actividades formativas no que vai de ano e á programación doutras 19 para setembro, outubro e novembro.

Así, nos próximos meses están programados sete cursos do Plan formativo ofimático de Galicia, catro xornadas e dous cursos incluídos no Plan de formación de Atención Temperá, un curso de conservación e explotación de estradas, tres de prevención de riscos laborais, un de perfeccionamento de xefatura de negociado e o Curso superior de técnico de urbanismo.

A sinatura de convenios permítelle á Escola Galega de Administración Pública xerar sinerxías con outros organismos, tanto públicos como privados, mellorando deste xeito a formación que pode ofrecer aos empregados públicos da Administración galega.